26 de feb. de 2015

Cóntame un conto: A Lúa ladroa

Mañá estades convidados a presenciar a representación teatral do conto A Lúa ladroa de Pablo Albo e Pierre Pratt da editorial OQO. Os nenos/as de 3º representarán a función para o alumnado de 4º e do primeiro ciclo de Educación Primaria. Ao finalizar a obra de teatro, os alumnos/as de terceiro porán a proba a atención do público contando unha serie de adiviñas, algunhas moi coñecidas, outras non tanto e mesmo algunhas inventadas polas propias nenas/os. Atentos!

Cóntame un conto

Durante o mes de febreiro comezou unha Programación de Contacontos por parte dos nenos/as do CEIP Canosa-Rus. Todos os cursos preparan unha representación para algúns dos seus compañeiros/as. A temática é libre, pode ser unha obra de teatro, unha lectura encadeada, poesías de elaboración propia, adiviñas, cancións, entre outras; o que aos contacontos lles apeteza transmitir aos espectadores/as.

As mochilas seguen viaxando

As nenas/os de Educación Infantil tamén teñen as súas mochilas.


24 de feb. de 2015

Recordamos a Rosalía.

https://www.google.es/?gfe_rd=cr&ei=xmzsVLWdGcqp8wfP-IHQCA&gws_rd=ssl#q=Rosal%C3%ADa+de+Castro&oi=ddle&ct=rosalia-de-castros-178th-birthday-6524859995652096-hp&hl=es
Fonte: www.google.es
Hoxe celébrase o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, autora galega de gran transcendencia a nivel global con obras como "Cantares gallegos", "Follas novas", "En las orillas del Sar", entre outras. Aínda que tamén escribiu en prosa, destaca por ser unha das mellores poetisas da nosa lingua. Como mostra da súa importancia resaltamos o "Doodle" que lle dedica Google hoxe.

23 de feb. de 2015

As primeiras viaxes...

As mochilas comezan as viaxes polas vosas casas.


Concurso interestelar. Semana 2. 1º CICLO

Esta semana comeza a seguinte fase, que durará ata o 25 de marzo, establecéndose un enigma cada semana. Este é o libro onde unha nena perdeu o sorriso e o seu irmán axúdaa a encontralo:


PREGUNTA 1: Como se titula?




PREGUNTA 2: Neste conto ata a Lúa rí, por que rí?




Os libros comezan a súa viaxe


Que tal andades? Eu, Leoteca, a bruxa da Biblioteca, acabo de chegar do espazo. Nesta viaxe pasei por moitos planetas. Nalgúns deles obsequiáronme cunha mochila con diverso material dentro que quero compartir convosco.

Concurso interestelar. Semana 2.

Ola nenos/as! O venres pasado rematou a primeira fase deste concurso e anunciáronse os gañadores/as dos 3 primeiros premios. Esta semana comeza a seguinte fase que durará ata o 25 de marzo, establecéndose un enigma cada semana. Nesta non buscamos un libro senón un autor. Usa as enciclopedias e segue as pistas para adiviñar o nome e apelido desta personaxe.

20 de feb. de 2015

Exploradores do Universo

Ola lectores/as! Ao final arranxar a desfeita de Trastupita levoume máis tempo do que pensara. Esperemos que non volva a transformar a ninguén máis por erro! Xa estou aquí convosco para darvos a solución ás preguntas dos concursos e publicar o nome dos gañadores/as e que recibirán o seu premio nos próximos días.

5 de feb. de 2015

Concurso Explorando o Universo

Ola nenas/os! Teño que sair a fume de carozo, que me chamou por teléfono a miña neta Trastupita e  non sei que líos armou cunha pócima que elaborou. Parece que transformou á metade do seu pobo en rás! Creo que o erro estivo en que lle botou demasiadas ás de morcego, pero agora teño que ir ata alí a solucionalo. Por iso mañá venres non vou poder estar na biblioteca para facer o reconto do concurso. Polo tanto, xa que non creo que volte ata a semana que vén, penso que será o tempo que me leve amañar a desfeita que fixo miña neta, decidín ampliar o prazo para responder ás preguntas do concurso. Así que xa sabedes! Tedes ata o próximo venres para contestar no blogue (2º e 3º ciclo) e na caixa da biblioteca (1º ciclo). Non vos despistedes e bulide!
Ata o próximo venres!

Un monte medrou na biblioteca!

Ola nenos/as! Hoxe estiveron na biblioteca Eva e Jose da Asociación ambiental Senda Nova, dentro do proxecto Montentérate, que trata de que os alumnos/as tomen conciencia da importancia dos bosques para a vida no planeta, da relevancia de respetalos e coidalos. Explicáronlle ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria as características, a vexetación, a fauna e a historia dos bosques que existen na comarca, así como diferentes aspectos a ter en conta para o seu coidado.

2 de feb. de 2015

Explorando o Universo 1º ciclo: semana 1

Ola nenos/as! Esta é a primeira imaxe que teredes como pista para responder ás preguntas que vos faremos a continuación. Lembrade que podedes contestar con un comentario nesta entrada ou escribindo o número da pregunta, xunto coa resposta, nun papel e depositalo na caixa do concurso que está na biblioteca. Tanto se o facedes no blogue, como se o entregades en papel non vos olvidedes de escribir o voso nome e o curso no que estades. Atentos durante a semana que poden ir aparecendo novas pistas!

PREGUNTA 1: Esta imaxe atópase nun libro que conta a historia dun crocodilo que cre que está destinado a algo moi importante. Como se titula este libro?

PREGUNTA 2: Como se chama a agrupación de estrelas cuxa posición no ceo nocturno parece invariable? Como pista indicarvos que estas estrelas con forma de crocodilo están vinculadas á de Orión, que segundo os Incas simbolizaba a conexión entre o mundo e o ceo, os homes e os deuses.

A investigar pola biblioteca e sorte!

COMEZA O CONCURSO INTELESTELAR AMIG@S!!!!

A  imaxe vai destinada para os nen@s de 2º e 3º ciclo (3º-4º-5º e 6º). Seredes capaces de responder a estas tres preguntiñas? Preparados, listos, XA!!!! Que comeze o xogo!!!!

PREGUNTA 1 -Tedes que adiviñar o libro e o seu título onde aparece esta imaxe.
PREGUNTA 2 -Na viñeta aparece un foguete, onde está situado? En que lugar?
PREGUNTA 3 -Cóntame moi brevemente que fai ese foguete nese lugar.

Non vos quededes a durmir, bulide a fume de carozo cara a biblioteca, estareivos esperando con ilusión a ver quen é capaz de adiviñalo primeiro!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...