Leoteca ten un problema! Atopou uns personaxes ocultos na biblioteca, pero ten que atopar os seus fogares, xa que eles/as esqueceron a súa procedencia. Axudádeslle a atopar as películas e libros nos que viven?
Primeiro debedes formar equipo de máximo 4 nenos/as, podedes ser do mesmo curso ou diferentes, recolleredes a folla de detectives e a continuación comezaredes as vosas pescudas.
En cada cartel das seccións de libros informativos hai un personaxe agachado, para descubrilo teredes que utilizar os ipad da biblioteca e coa aplicación Aurasma escanealo. Na pantalla do aparello aparecerá a imaxe e o nome dun personaxe que foi creado por un escritor/a e que deu o salto ao mundo do cine a través de diversas películas.
Na vosa folla iredes escribindo os nomes xunto coa sección na que se atopan, para seguidamente comezar a investigar o nome do autor/a, os libros e películas nos que aparece. Ao mesmo tempo iredes escribindo as fontes das que ides recollendo a información.
Cando teñades todos os datos entregarédelo ao equipo de biblioteca para a súa comprobación. Aqueles grupos que completen correctamente a folla de investigación recibirán o seu carné de detective. Ademais por cada libro no que estea ben situado o personaxe sumará 10 puntos. O equipo que máis puntos acumule recibirá un agasallo sorpresa.
Quen se anima a axudar a Leoteca?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Un blog aliméntase dos teus comentarios, grazas por colaborar con nós.