18/12/2015

Despedimos o ano

A biblioteca pechou o ano coa entrega de premios do Dinoconcurso, dentro do PDI DinosauRus. O venres terá lugar o espectáculo "Dinsons", que representarán os nenos/as do centro. Queremos felicitar a toda a comunidade educativa estas festas e comezar o próximo ano 2016 con novas lecturas e actividades na biblioteca.
FELICES FESTAS!

17/12/2015

Solución Dinoconcurso: semana 4

Neste último período tiñades que consultar o libro ¿Y si un estegosaurio...? e atopar a información que vos axudase a responder ás preguntas planteadas.
Hoxe entregaremos os premios aos tres primeiros/as clasificados tras estas catro procuras, ademais aprendistes a atopar libros na biblioteca, a citar as fontes consultadas e a atopar unha información determinada nun libro.

15/12/2015

Nestas vacacións... Viaxa coa lectura!

Vía Pixabay
Licenza DP CC0

Aínda que nestas vacacións é costume pasalas na casa coa familia, queremos que aproveitedes para viaxar a outros lugares coa vosa imaxinación e coa axuda dos libros. Nós recomendámosvos algunhas das novidades que se publicaron no 2015 en lingua galega e castelá, pero podedes escoller calquer outro que sexa do voso gusto.

09/12/2015

Dinoconcurso: semana 4

Estamos a piques de rematar esta fase do concurso, e todo pode pasar, aínda podedes quedar entre os tres primeiros que recibirán un agasallo pola súa participación.

Solución Dinoconcurso: semana 3

Nesta semana (e pico) tiñades que procurar unha información nun libro da exposición e logo trasladala nun comentario, citando a fonte da que obtiverades estes datos.
Ten moita importancia citar as fontes das que se extraen imaxes, texto ou outro tipo de información.  Debemos ser éticos e responsables, polo tanto recoñecer o labor e o traballo do autor/a. Nesta semana aprendistes a citar un libro ou monografía: primeiro citaredes o autor/a, a continuación o título da obra, seguidamente a editorial e o lugar no que se editou e, por último, o ano desta edición.

Nais e pais de conto

O pasado mércores 2 de decembro visitou a biblioteca Ana, acompañada da súa filla Sara (alumna de 4º) e de Ana (alumna de 4º), para contarlle aos nenos/as de Educación Infantil o conto O paseo de Rosalía (Pat Hutchins). A continuación representaron unha historia de elaboración propia, titulada "A porta máxica", na que tiñamos que adiviñar quen se atopaba tras a porta.

Recordando a Neira Vilas

Neira Vilas no IES Manuel García Barros da Estrada
By IES Manuel García Barros
Licenza CC BY SA vía Wikipedia






“BALBINO. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre”. Así comeza Memorias dun neno labrego, un clásico da literatura galega. Este libriño, que tivo a súa primeira edición en Buenos Aires, en 1961, chegou a miles de de lectores, edición tras edición, sen máis publicidade que o boca a boca, nunha época en que a escrita en galego non chegaba ao gran público. Moitos rapaces e mozos dos anos setenta descubriron neste relato experiencias moi próximas ás súas, porque transcorre nunha aldea, coma as deles e está contado en galego por un rapazolo cheo de inquedanzas. Houbo emigrantes a Alemania e a Suíza que levaron na súa maleta este libro e tamén Cartas a Lelo, os dous en galego e protagonizados por nenos que viven no medio rural. Que mellor maneira de levar dentro a terra dun!

05/12/2015

Premio para "Rus entre planetas"


"Cando realmente queres unha cousa, todo o Universo conspira para axudarche a conseguila"
P. Coelho
  
A comunidade educativa do CEIP Canosa-Rus está de noraboa, xa que o pasado xoves publicouse a resolución do II concurso de traballo por proxectos, promovido desde a Biblioteca Escolar, no que resultou galardoado, dentro da temática científica, o PDI "Rus entre planetas", no que investigamos e aprendemos máis sobre o Sistema Solar.
Queremos agradecer a implicación e empeño no traballo das diferentes fases tanto do alumnado como das súas familias, así como ao claustro que promoveu e dinamizou o desenvolvemento do proxecto. Sen a participación dalgún deles este éxito non sería posible.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...