9 de dec. de 2015

Recordando a Neira Vilas

Neira Vilas no IES Manuel García Barros da Estrada
By IES Manuel García Barros
Licenza CC BY SA vía Wikipedia






“BALBINO. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre”. Así comeza Memorias dun neno labrego, un clásico da literatura galega. Este libriño, que tivo a súa primeira edición en Buenos Aires, en 1961, chegou a miles de de lectores, edición tras edición, sen máis publicidade que o boca a boca, nunha época en que a escrita en galego non chegaba ao gran público. Moitos rapaces e mozos dos anos setenta descubriron neste relato experiencias moi próximas ás súas, porque transcorre nunha aldea, coma as deles e está contado en galego por un rapazolo cheo de inquedanzas. Houbo emigrantes a Alemania e a Suíza que levaron na súa maleta este libro e tamén Cartas a Lelo, os dous en galego e protagonizados por nenos que viven no medio rural. Que mellor maneira de levar dentro a terra dun!
O autor destas dúas xoias é Xosé Neira Vilas, que nos deixou o pasado 27 de novembro aos 87 anos, cando aínda mantiña unha activa carreira literaria. Neira Vilas naceu en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928. Aos 21 anos emigrou a Buenos Aires, onde coñeceu á tamén escritora, Anisia Miranda, nacida en Cuba, e de pais galegos. O matrimonio desenvolveu unha intensa labor cultural vinculada a Galicia tanto durante a súa estancia en Buenos Aires como posteriormente cando se trasladaron a Cuba. Ao xubilarse, en 1992 instaláronse na localidade natal de Neira Vilas, onde puxeron en marcha a Fundación Xosé Neira Vilas, unha das entidades máis dinamizadoras da comarca.
Entre as súas publicacións para nenas e nenos destacan: O cabaliño de buxo, Espantallo amigo, A marela taravela, De cando o Suso foi carteiro e Cantarolas, este último en colaboración coa súa dona, Anisia Miranda.

Xa que non na maleta, no noso corazón irá sempre O Balbino, un rapaz e un “home grande” á vez, que cuestionaba o mundo no que lle tocou vivir e que era moi consciente das inxustizas. Sempre actual.
Os nenos/as de 1º de E.P. quixeron renderlle unha homenaxe a este autor galego recitando a poesía "Cantarela dos nenos" da súa obra "Cantarolas" e facendo un retrato do autor.


A vós que poesía de Cantarolas vos gusta máis? 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Un blog aliméntase dos teus comentarios, grazas por colaborar con nós.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...