O pasado mércores 20 de maio inaugurouse a exposición do PDI RUS ENTRE PLANETAS, que está adicada ao Sistema Solar. A xornada de inauguración estruturouse en tres espazos diferenciados para poder albergar a todos os familiares do alumnado que quixeron compartir con nós este día.
Deste xeito un grupo visitou e escoitou as explicacións dos nenos/as na sala de exposicións na que puideron coñecer o planetario elaborado entre todos os cursos do centro, observar os monográficos que se crearon sobre cada un dos planetas e unha mostra dos traballos desenvolvidos coas tarefas que se foron realizando durante o proxecto (visita á casa das ciencias, visita ao centro dun astrónomo, busca de información nos xornais, entre outras).
Ao mesmo tempo, na biblioteca outro grupo veía os vídeos elaborados polo alumnado e os seus titores/as, explicando como desenvolveron o seu traballo. Estas presentacións irán colgándose no blogue para que poidan ser vistas por todos/as.
Finalmente o terceiro grupo participaba na feira de artesanía desenvolvida polos alumnos/as de 6º de E.P. e da que podedes coñecer máis accedendo ao seu blogue "Os parlanchíns".
EXPO Rus entre planetas estará aberta a partir de agora para que poida ser visitada por todos aqueles/as que queiran coñecer máis sobre o Sistema Solar, sobre os diferentes aspectos que os nosos alumnos/as consideraron relevantes, sobre como os nenos/as levaron a cabo todo este proceso de investigación. Utilizamos tamén as novas tecnoloxías de realidade aumentada (RA), porque cada monográfico ten asociado un código qr co que se accederá á presentación elaborada para mostrar vídeos e imaxes dos rapaces/zas explicando e mostrando o seu traballo. Os planetas tamén teñen información agochada, se enfocamos cada un dos astros coa aplicación Aurasma (gratuíta para IOS e Android) mostraranos na nosa tableta ou teléfono intelixente nova información.
Así foi este día...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Un blog aliméntase dos teus comentarios, grazas por colaborar con nós.