9 de mar. de 2016

Semana da poesía

Con motivo da proximidade do 21 de marzo, día no que se conmemora o Día Mundial da poesía, no centro decidimos que a  próxima semana celebraremos a "Semana da Poesía" con diversas actividades.

Cos lemas "Dimo en poesía... e sentirás alegría" e "Nós amamos a poesía" decoramos a entrada á biblioteca, ademais colocamos diversos carteis con poemas de autores/as galegos e españois. Nas entradas mostramos nos andeis libros de poesía adaptados ás diferentes idades.
Durante a semana na hora de ler e nos recreos preparamos diversas actuacións:
O luns 14 no recreo o alumnado poderá participar nun obradoiro de "poesía colaxe", no que os nenos/as realizarán poesías a través de recortes de xornal ou revistas. A continuación, na hora de ler cada clase fará unha lectura dun poema de Rosalía, recuperando a celebración do 179º aniversario do nacemento da escritora galega, do día 24 de febreiro.
O martes 15 o alumnado de E.I. participará no contacontos de Kalandraka, no que Patricia e Álex a través da música trasladarannos por diversos contos da editorial como "Despois da chuvia", "O artista que pintou un cabalo azul", entre outros.
No recreo continuarase co obradoiro de colaxe.
O xoves 17 visitará o centro Paco Nogueiras, por cortesía de Kalandraka, para realizar unha actividade cos nenos/as de 3º e 4º de Educación Primaria relacionada coa reedición de "Cantarolas" de Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas.
O venres 18 durante o recreo o alumnado fará unha lectura encadeada de poemas de Manuel María a través do sistema de megafonía do centro.
Ademais animamos ao alumnado a mostrar as obras realizadas tanto de forma escrita, colocándoas nos paneis, como de forma oral, a través da megafonía do centro. Se queredes tamén podedes escribilas nos comentarios desta entrada.
Para rematar ofrecémosvos uns recursos para traballar a poesía:

Queres deixarnos a túa poesía?

2 comentarios:

Un blog aliméntase dos teus comentarios, grazas por colaborar con nós.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...