Hoxe o alumnado de 5º de E.P. explicou na biblioteca aos nenos/as de 3º, 4º e 6º como realizaron a liña do tempo no centro e a versión para a web do proxecto, que pode ser consultada por toda a comunidade educativa.
Comezaron explicando as tarefas previas de investigación na web e nos libros sobre os diferentes períodos e os dinosauros que viviron neles. Logo seguiron contando como fixeron as cartolinas, tomando medidas e facendo os debuxos que logo colocarían en cada un dos chanzos das escaleiras.
Pasaron despois a explicar o que siginificaban as cores: amarelo para o triásico, azul para o xurásico e verde para o cretáceo. Tamén foron falando sobre as diferentes partes da liña do tempo, como o nome do dinosauro, o seu debuxo e a idade na que viviu, que estaba situada na parede.
Outro dos aspectos que comentaron foi o cadro estratigráfico que está situado no segundo andar da á norte e que reflicte a historia da Terra desde o Big bang ata a actualidade.
Para finalizar explicaron a liña do tempo interactiva, na que ademais de poder ver os debuxos realizados por eles/as tamén se poden escoitar os audios nos que amplian información sobre os dinosauros nos que centraron o seu traballo. Ao mesmo tempo explicaron dun xeito sinxelo os períodos do triásico, xurásico e cretáceo, ademais de escoitar algunhas das narracións gravadas.
Todas as entradas da liña do tempo están acompañadas polas fontes consultadas para o seu traballo. Se picades na seguinte imaxe poderedes coñecer distintos datos sobre os dinosauros e as idades nas que viviron, ademais de relacionalo coa aparición do homo habilis e o homo sapiens.
Na seguinte presentación tedes a liña do tempo no centro e algúns dos momentos da explicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Un blog aliméntase dos teus comentarios, grazas por colaborar con nós.