8 de out. de 2015

Viaxa connosco a través dos libros!

Pixabay
Licenza CC0 DP
Mañá venres, Leoteca abriranos as súas portas. Para celebralo queremos que sexa unha xornada especial, na que participe todo o alumnado do centro. Para iso programáronse distintas actividades que se desenvolverán durante a xornada escolar. Quizais Leoteca deixe algunha mensaxe de benvida, polo que estade atentos tanto no blog como nas aulas.

Durante as últimas semanas estivemos preparando a biblioteca e formando tanto ao Equipo de Axudantes de Leoteca, así como explicando ás diferentes aulas a organización e normas de uso.
Comezará a inauguración cunha representación teatral dos alumnos/as de 6º de E.P. titulada DRAGUSAURUS (adaptación de "El tesoro del dragón" de Rafael Ordoñez realizada pola titora do curso) para o alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º de E.P.
O próximo martes serán os nenos/as de 3º - 4º - 5º de E.P. os que presencien a obra.
Tras o recreo comezarán os obradoiros de motivación cara o proxecto DinosauRus:

  • "CREANDO FÓSILES": os nenos/as de Educación Infantil e 1º de E.P. xogarán coa arxela para crear e decorar os seus propios fósiles na biblioteca.
  • "CONSTRUÍNDO DINOSAUROS": o alumnado de 2º e 3º de E.P. recortarán na biblioteca diferentes pezas, coas que logo, e simulando o xogo do tangram, construirán diferentes figuras de dinosauros, seguindo uns modelos que se lles mostrarán.
  • "DINOSAUROS ENTRE LIBROS": o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria encargarase de construir os sinalizadores, con motivos de dinosauros, que se utilizarán na biblioteca. A función destes será que cando collamos un libro para ler ou consultar colocaremos no seu lugar o sinalizador, deste xeito, sempre saberemos o lugar exacto do andel onde colocalo. Así conseguiremos ter todos os libros ordenados e localizados para outros lectores/as.
Esperamos e desexamos que a apertura da biblioteca sexa unha xornada divertida e gocedes de todas as actividades programadas.
Que opinades? Gústanvos as actividades?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Un blog aliméntase dos teus comentarios, grazas por colaborar con nós.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...