14/10/2014

Diego Arboleda novo Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

Fonte: Revista Babar
Diego Arboleda foi galardonado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil na actual edición do ano 2014 pola súa obra "Prohibido leer a Lewis Carroll" ilustrado por Raúl Sagospe e publicado pola editorial Anaya (2013), xa anteriormente fora premiado co Premio Lazarillo (2012), pola Fundación Cuatrogatos de Miami (2014) e mellor libro infantil 2013 para a revista Babelia.

O xurado considerouna como "unha obra extremadamente orixinal, cun brillante sentido do humor e un gran ritmo narrativo. O texto, recreación dunha época, está salpicado de referencias literarias e históricas. Destaca polos seus personaxes sólidos e moi ben construídos, así como pola fina ironía dos xogos lingüísticos".
Diego Arboleda naceu en Estocolmo (1976) xa obtivo anteriormente diferentes premios de literatura Infantil e Xuvenil, outras obras a resaltar "Mil millones de tuberías" e "Papeles arrugados".

En Prohibido leer a Lewis Carroll a señorita Chignon, especialista en desastres involuntarios, embárcase nunha viaxe cara Nova York na que terá como misión coidar de Alice unha nena entusiasmada con Alicia (a protagonista de "Alicia en el país de las maravillas"), xunto a ela e a súa extravagante familia viviranse divertidas e desastrosas situacións, todo por evitar que a nena coñeza á verdadeira Alicia, conseguirano?
Alice Liddell (1860)
Fonte:
Wikipedia
Licenza Dominio Público 

Se vos animades a ler este libro poderedes botar uns días a rir sen parar, seguro que vós tamén queredes coñecer a esta enxeñosa nena e as demais personaxes que interveñen, animádesvos?
Podedes ler as reseñas da Editorial AnayaCanal Lector e da Revista Babar, así como a nota de prensa do Ministerio de Educación.
Tamén podedes acceder á entrevista que concedeu á Fundación Cuatrogatos.
Ah! Lembrade que despois de lelo podedes compartir as vosas opinións e sensacións no blogue cos demais visitantes e compañeiros/as.
Saúdos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Un blog aliméntase dos teus comentarios, grazas por colaborar con nós.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...